Monday 29 de April de 2024

Pablo Lago visita as instalacións da planta de tratamento de residuos de Lousame a petición do comité de empresa e de FCC


O presidente da Mancomunidade Serra do Barbanza tomou nota do estado actual da planta, explicoulles os avances rexistrados nas últimas semanas e anunciou a próxima convocatoria da Xunta e Asemblea Xeral do ente supracomarcal

O presidente da Mancomunidade de Municipios Serra do Barbanza, Pablo Lago Sanmartín, visitou as instalacións da planta de tratamento de lixo de Servia (Lousame), respondendo así as peticións realizadas tanto polo comité de empresa como pola empresa xestora do complexo, FCC. Lago Sanmartín foi recibido por Luís Fernández, xefe da planta da empresa FCC, e por Ángel Brantuas, presidente do comité de empresa, quen estivo acompañado por varios membros do comité.

Fernández guiou á comitiva polas instalacións da planta de tratamento de lixo, onde puideron comprobar o seu funcionamento, o estado da flota e da maquinaria, a zona de vertedoiro… “Queriamos ver sobre o terreo o funcionamento da planta e comprobar tamén o estado no que se atopan tato as instalacións como a flota de vehículos”, apuntou Pablo Lago, quen indicou que “tomamos boa nota e daremos traslado tanto á Mancomunidade como a outras Administracións para tomar as solucións oportunas”.

Mesa de traballo

Neste sentido, o presidente da Mancomunidade explicou que o pasado 7 de marzo tivo lugar en Brión a primeira mesa de traballo despois das eleccións autonómicas na que participaron os alcaldes e alcaldesas dos municipios que levan os seus refugallos á planta de Servia. Nese encontro analizáronse xa algúns dos asuntos planteados dende o comité de empresa e por FCC como o plan de pagos, a compra de novos contedores ou a reparación da maquinaria. Ademais, Pablo Lago deu conta tamén das reunións de traballo mantidas con Sogama, Ecoembes e coa Xunta de Galicia para tratar cuestións de importancia para o futuro da planta. Encontros que continúan producíndose, como o celebrado onte mesmo coa directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez Castellanos.

Unha vez finalicen as mesas de traballo cos alcaldes e alcaldesas, Pablo Lago convocará unha Xunta Xeral de Concellos da Mancomunidade Serra do Barbanza, atendendo así a petición realizada pola maior parte dos seus integrantes, así como unha Asemblea Xeral, para tomar as decisións precisas para garantir o futuro da planta de tratamento de lixo de Servia.